Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

27 de xullo de 2021

Viñetas desde o Atlántico recupera o seu carácter presencial nunha 24 edición que ten por lema a “resiliencia”

A alcaldesa, Inés Rey, destacou o apoio do Concello á creación e máis en concreto ao colectivo Coruña Gráfica de ilustradoras/es na presentación, con Miguelanxo Prado, da nova entrega

A alcaldesa, Inés Rey, presentou xunto co seu director Miguelanxo Prado, a 24 edición do salón Viñetas desde o Atlántico, que incluirá unha completa programación do 9 ao 15 de agosto, e que incluirá a presenza de autoras e autores nacionais como Javier Olivares, Teresa Valero ou Raúl Allén e Patricia Martín. Nesta entrega, a rexedora destacou a importante representación feminina, unha premisa marcada desde os inicios. Subliñou tamén que o conxunto de convidadas/os son referentes nacionais nos distintos xéneros e subxéneros da banda deseñada: "Somos conscientes de que o éxito de Viñetas radica nunha fórmula que chega ao espectador avantaxado, que gusta desta arte e quere máis, pero, sobre todo, que lles toca ás persoas que non cultivan a historieta, pero que veñen mirar e nese ollar ao mundo do cómic, quedan". Neste aspecto, Rey remarcou que "a nosa prioridade é seguir programando cultura" e apoiar as creadoras e creadores como as/os ilustradores do colectivo Coruña Gráfica, "un referente na nosa cidade á hora de lles poñer imaxes a moitos dos eventos que organizamos desde María Pita".

Pola súa banda, Miguelanxo Prado sinalou que nesta edición non asistirán convidadas/os estranxeiras/os porque suporía un risco inasumible pola situación sociosanitaria actual, e tampouco haberá obradoiros infantís xa que "é un sector de poboación aínda sen vacinar e son actividades manuais". Polo resto, o responsable do salón agarda que sexa unha edición completamente normal baixo un fío condutor como o da resiliencia, "estamos aquí e conseguimos sobrevivir" e pese que a crise afectou a moitas autoras e autores, "non descoidamos a visión panorámica deste festival e este ano Teresa Valero realizou un cartel moi indicado porque nos amosa clásicos, superheroes, historias máis sociais e cómic moderno a través de personaxes pintados na vela dun barco que se aproxima á Torre".

Entre as/os protagonistas deste ano estarán Pepe Larraz, hoxe un referente no xénero dos superhéroes, e o Premio Nacional Javier Olivares, "un exemplo desta resiliencia, que comezou na revista 'Madriz' e foi construíndo un estilo propio". De Teresa Valero, destacou a súa última obra "Contrapaso. Los hijos de los otros", un libro "bofetada", recoñecido pola crítica e o público. Jaime Martín virá á cidade para falar da triloxía que acaba de rematar sobre a Guerra Civil e a parella Fernando Llor e Miguel Porto compartirán a súa experiencia tras plasmaren en "Subnormal" o acoso escolar sufrido por Iñaki Zubizarreta: "Este tebeo confirma o éxito dunha importantísima vía que se abriu na Banda Deseñada como é a social". Ademais, na Casa de Cultura Salvador de Madariaga, exporán a súa obra os dous últimos premios Castelao de Banda Deseñada 2020 da Deputación da Coruña, Begoña García-Alén e Andrés Magán. Por último, o director recordou que o ano que vén se cumprirán 25 anos de Viñetas, en que espera que "poidamos celebrar o obxectivo que conseguimos e que nos marcamos cando comezamos que é que a cidade pense o festival como parte das súas festas e da súa vida cultural".

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión