Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

27 de maio de 2023

Un dispositivo formado por 1.633 persoas organizará mañá o proceso electoral, ao que están chamados a votar 197.653 coruñeses e coruñesas en 85 colexios

A distribución dos colexios, así como os seus correspondentes enderezos, seccións e mesas electorais, xa se poden consultar a través dun mapa interactivo habilitado na páxina web do Concello

Un total de 197.653 coruñesas e coruñeses están citados para exercer o seu dereito a voto este domingo, 28 de maio, data das Eleccións Municipais 2023 na cidade da Coruña.

Cada veciña e veciño censado no termo municipal recibiu xa, en formato físico, a súa tarxeta censual, o documento informativo remitido ás e aos electores que contén os seus datos censuais e o lugar de exercicio do seu dereito a sufraxio. Baseándose no distrito e na sección nos que estea localizado o seu domicilio, cada cidadán da Coruña ten asignado un colexio electoral e unha mesa específica para poder votar este domingo.

A isto sumarase, ademais, o voto por correo, que os electores puideron solicitar ata o xoves 18 de maio, para posteriormente depositalo ata o pasado mércores 24 de maio.

Onde e como consultar o colexio electoral adscrito a cada cidadán da Coruña

No referente ao voto presencial, na Coruña habilitaranse este domingo 85 colexios electorais, repartidos entre dez distritos e 186 seccións censuais, con 295 mesas en total. A distribución dos colexios, así como os seus correspondentes enderezos, seccións e mesas electorais, xa se pode consultar a través dun mapa interactivo habilitado na páxina web do Concello.

As e os electores convocados ás urnas este domingo tamén poden consultar o seu respectivo colexio, sección e mesa electoral a través do buscador do Instituto Nacional de Estatística (INE), ao que se pode acceder por medio desta ligazón.

Todas as persoas con dereito a voto poderán presentalo no seu respectivo colexio electoral entre as 9.00 e as 20.00 horas, cando se pecharán as portas dos recintos habilitados, para realizar o reconto. A este respecto, convén lembrar que, aínda que a votación remata ás 20.00 horas, momento no cal as mesas anuncian o final da votación, se aínda queda alguén dentro do local, a mesa permitiralle votar.

Nestes comicios varía con respecto aos anteriores a distribución de varias mesas en seis dos 85 colexios electorais da cidade, ben por cuestións de accesibilidade ou por tratarse de inmobles que están sendo sometidos actualmente a traballos de rehabilitación ou reforma. Os cambios son os seguintes:

  • Persoas censadas no Distrito 3 - Sección 6 - Mesas A e B
    • ANTES: Votaban no colexio electoral Tesourería Xeral da Seguridade Social.
    • AGORA: Votarán no Palacio da Ópera (Rúa Uruguai, 2-A).
  • Persoas censadas no Distrito 3 - Sección 14 - Mesa U
    • ANTES: Votaban no colexio electoral Tesourería Xeral da Seguridade Social.
    • AGORA: Votarán no Colexio Labaca (Rúa Juan Flórez, 116).
  • Persoas censadas no Distrito 3 - Sección 7 - Mesas A e B
    • ANTES: Votaban no local social da Autoridade Portuaria.
    • AGORA: Votarán no Centro Municipal Salvador de Madariaga (Rúa Durán Loriga, 10).
  • Persoas censadas no Distrito 5 - Sección 11 - Subsección 01 - Mesa A
    • ANTES: Votaban na Asociación de Veciños de Labañou.
    • AGORA: Votarán no CEIP Emilia Pardo Bazán (Travesía dos Rosales, 8).
  • Persoas censadas no Distrito 7 - Sección 28 - Mesas A e B
    • ANTES: Votaban no Espazo Veciñal do Birloque.
    • AGORA: Votarán no Centro Asociativo (Avenida de Glasgow, 10).
  • Persoas censadas no Distrito 7 - Sección 31 - Mesas A e B
    • ANTES: Votaban no Espazo Veciñal do Birloque.
    • AGORA: Votarán na Asociación Veciñal Os Anxos (Avenida de Glasgow, 10).

A este respecto, o Concello ten previsto executar un dispositivo especial de apoio e vixilancia do cumprimento da normativa durante a xornada electoral, co despregamento de 1.633 persoas durante a xornada: deles, 855 son as e os membros de mesa -ademais, hai 1.710 persoas suplentes-, 467 efectivos da Policía Nacional, 80 efectivos da Policía Local, 12 efectivos da Policía Autonómica, 103 persoas encargadas da apertura e peche dos colexios electorais, 85 representantes da Administración, 21 montadores e 10 persoas que exercerán como persoal colaborador.

Ademais, o persoal do 061 estará operativo en caso de xurdir calquera tipo de incidencia sanitaria nos diversos recintos habilitados para exercer o dereito a voto.

Máis información, no 010

Este domingo, o persoal que atende a liña municipal de atención telefónica do 010 estará operativo entre as 8.00 e as 21.00 horas, desde a apertura dos colexios electorais e ata o seu peche.

Desta forma, todas as dúbidas da cidadanía relacionadas coa distribución dos 85 colexios electorais habilitados na cidade, así como a documentación que hai que presentar para exercer a opción de voto, poderán resolverse a través desta vía.

Con respecto a isto, a presidencia de cada mesa electoral poderá solicitar, en función de cada caso, os seguintes documentos:

  • Documento Nacional de Identidade (DNI).
  • Pasaporte con fotografía.
  • Permiso de conducir con fotografía.
  • Tarxeta de residencia no caso de cidadás/ns da Unión Europea.
  • Tarxeta de identidade, se se trata de persoas estranxeiras nacionais de países cos que España teña subscrito un tratado de reciprocidade para o recoñecemento do dereito a sufraxio nas eleccións municipais.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión