Concello da Coruña

Concello da Coruña
Iniciar sesión

Cando:

5 de decembro de 2023

Ata o vindeiro 6 de xaneiro, o Belén Municipal estará aberto ás visitas da cidadanía no Salón de Exposicións do Palacio Municipal de María Pita

Inés Rey: “Lembrar a Luísa Villalta é recuperar o seu legado cultural e a súa pegada feminista”

A alcaldesa presidiu hoxe o acto de apertura do Belén Municipal, que incorpora este ano á escritora coruñesa —criada no barrio da Falperra— ás aproximadamente 230 figuras do Nacemento Artístico

A alcaldesa, Inés Rey, presidiu esta tarde o acto de inauguración do Belén Municipal, un acto xa tradicional das festas de Nadal na Coruña desde hai máis de tres décadas, e que este ano ten como principal novidade a inclusión da escritora Luísa Villalta (A Coruña, 1957) entre as figuras que integran o Nacemento Artístico Municipal.

Villalta, nada na rúa Vila de Laxe do barrio da Falperra, será a grande protagonista do Día das Letras Galegas no ano 2024, coincidindo co vixésimo aniversario do seu pasamento. Desta forma, coa súa incorporación ao Belén, "imos abrindo camiño ao abano de actos conmemorativos que terán lugar na Coruña o ano que vén na súa lembranza", subliñou Inés Rey, acompañada hoxe por familiares e achegados de Villalta.

Luísa Villalta, que era docente no IES Isaac Díaz Pardo de Sada, foi un expoñente fundamental á hora de trenzar a identidade da literatura galega entre as décadas dos 80 e os 90. "Ler a Luísa era, e é, viaxar ao corazón dos barrios da nosa cidade. Unha persoa coma ela, que se achegou a todos os recunchos ocultos da Coruña con sensibilidade e compromiso, tiña que formar parte da nosa paisaxe urbana. E así é desde o ano 2019, cando se incorporou o seu nome ao noso rueiro, no barrio de Xuxán", dixo Inés Rey. 

"Lembrar a Luísa Villalta é recuperar o seu legado cultural e a súa pegada feminista", indicou a alcaldesa. 

O acto de inauguración do Belén pechouse coa actuación do Coro Cantabile.

O Belén Municipal conta con aproximadamente 230 figuras

A figura de Luísa Villalta, elaborada sobre unha base de barro cocido policromado, súmase así ás aproximadamente 230 efixies xa existentes no Belén, ás que se foron incorporando anteriormente persoeiros que tiveron un protagonismo clave na evolución da cidade e as súas institucións. É o caso de Isabel Zendal e Ramón Pérez Costales, incluídos en anos previos. A este respecto, o Belén Municipal, que tamén conta con numerosas arquitecturas que replican o Portal de Belén, o templo de Xerusalén e o castelo de Herodes, ocupa unha superficie de cen metros cadrados.

A alcaldesa convidou hoxe á cidadanía a visitar o Nacemento Artístico Municipal, "un tesouro que forma parte do noso patrimonio, que pertence ás coruñesas e coruñeses, e no que cada figura garda un anaco de historia da nosa cidade".

O Belén, habilitado no Salón de Exposicións do Palacio Municipal de María Pita, estará aberto á cidadanía ata o día 6 de xaneiro, de luns a domingo en horario de mañá (11.00 a 14.00) e de tarde (17.00 a 21.00). Haberá, iso si, días con horarios especiais: o 24, 25, e 31 de decembro (de 11.00 a 14.00); o 1 de xaneiro (17.00 a 21.00); o 5 de xaneiro (11.00 a 14.00); e o 6 de xaneiro (17.00 a 21.00).

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible