Concello da Coruña

Concello da Coruña
Iniciar sesión

Cando:

9 de decembro de 2023

Este luns 11 ponse en marcha o programa de recollida de residuos ‘Porta a porta’, cunha primeira fase de actuación nas rúas Olmos e Galera

Esta iniciativa, promovida polo Concello en colaboración co tecido hostaleiro, busca dar facilidades ao sector para desbotar o lixo e, á vez, reducir a súa aportación aos contenedores situados no espazo público

O Concello da Coruña, a través da Concellaría de Medio Ambiente, porá en marcha este luns, 11 de decembro, a primeira fase do programa de recollida de residuos 'Porta a porta', unha iniciativa que o Goberno de Inés Rey executa en colaboración co tecido hostaleiro da cidade co obxectivo de dar facilidades ás e aos profesionais do sector para desbotar o lixo procedente dos comercios e establecementos hostaleiros e, á vez, reducir a súa aportación aos contenedores ubicados na vía pública.

A diferencia dos sistemas tradicionais, nos que as persoas depositan os seus residuos en contenedores comúns en espazos públicos, o programa 'Porta a porta' fundaméntase en que é o servizo municipal quen acude á porta de cada local adherido á campaña, para recoller o contenedor ou contenedores que, previamente, e de forma gratuíta, lle son entregados a cada local de hostalería, debidamente rotulado co nome do establecemento.

Para esta primeira fase do 'Porta a porta' seleccionáronse as rúas Olmos e Galera, ao contar coa maior densidade de establecementos na Zona Centro de Máxima Concentración Hostaleira (ZCMCH). Un total de 30 locais de hostalería xa se adheriron, de forma voluntaria, a esta primeira quenda da campaña, que se irá estendendo nos vindeiros meses ao resto de áreas hostaleiras da ZCMCH.

A entrega dos contenedores, desde este luns 11

A entrega dos contenedores dará comezo este luns 11 de decembro. Xa ese mismo día se levarán a cabo tarefas de recollida, con pequenos vehículos eléctricos (de tres m3 de capacidade), silenciosos, de propulsión eléctrica, capaces de moverse a través das estreitas rúas interiores da Pescaría, e que circularán facendo paradas fronte aos locais de hostalería adheridos.

A recollida que se establece no programa 'Porta a Porta' realízase mediante contenedores de peche con chave, nominais, entregados en man a cada local adherido a este plan. Ditos contenedores, coa fracción ben segregada por parte do persoal de hostalería, serán colocados fronte á porta de cada establecemento para o seu vaciado por parte do persoal de recollida, que o fará ao paso e nos horarios previamente establecidos.

No caso dos 30 establecementos das rúas Olmos e Galera que xa están incluídos nesta primeira fase do 'Porta a porta', o Concello estima que se lles entregarán, en total, uns 74 contenedores.

Dúas rutas horarias: de madrugada e de tarde

A primeira fase do programa 'Porta a porta' comezará co establecemento de dúas rutas horarias: unha, en horario de madrugada; a segunda, de tarde.

No caso da ruta de madrugada está previsto realizar unha recollida dos contenedores específicos entregados a cada local hostaleiro adherido, que se deixarán ante a porta do local en cuestión. A recollida levarase a cabo entre as 05.00 e 08.00 horas.

Haberá, ademais, unha ruta de tarde, que se executará durante a sobremesa, cando os establecementos hostaleiros da contorna xa completasen os servizos matinais e o horario de comidas. Pola dificultade referente a operar nas rúas da Pescaría, o horario marcado para esta ruta será entre as 17.00 e 20.30 horas.

O traballo das persoas que pilotan os vehículos e, á vez, son as encargadas da recollida, levarase a cabo nun único sentido da marcha, sen retrocesos. "Desta forma, as paradas do vehículo e a interrupción causada aos locales ou á cidadanía será menor e moi puntual", subliña a concelleira de Medio Ambiente, Noemí Díaz.

Un novo sistema de recollida con reforzo en Nadal e no verán

O 'Porta a porta' é un novo sistema de recollida de residuos, implantado de forma permanente e que contará con reforzos específicos nas datas de Nadal (ata o 11 de xaneiro) e no verán (15 xuño a 15 de setembro).

Neste sentido, a recollida en horario de madrugada (05.00 a 08.00) na ZCMCH lévase a cabo todos os días do ano. No tocante ao horario de tarde (17.00 a 20.30), nas campañas de Nadal e verán faise a diario. O resto do ano, de xoves a domingo.

Ademais, a través do programa 'Porta a porta' xa se promove a recollida de papel e cartón desde hai meses na Zona Centro de Máxima Concentración Hostaleira (ZCMCH), con dous días de recollida por semana e con gran éxito de aportación.

Máis eficiencia ao usar os contenedores e mellorar a separación en orixe

Díaz destacou que a posta en marcha do programa 'Porta a porta' tamén responde á necesidade de atopar solucións para garantir un uso eficiente dos contenedores situados na vía pública. "Queremos que os contenedores ubicados no espazo público se destinen unicamente para o servizo das persoas residentes", expuxo.

A responsable da Concellaría de Medio Ambiente apuntou, a este respecto, ao impacto habitual destas datas festivas no traballo diario do sector hostaleiro, razón pola que se valorou implementar o 'Porta a porta' antes dos principais días de celebración do Nadal. Esta campaña, da que se informou á Asociación Provincial de Empresarios de Hostalería da Coruña e ás propias persoas responsables dos establecementos, visitando a cada unha delas, busca mellorar e reforzar o servizo de recollida de residuos nunha das zonas máis concurridas da cidade, "e persigue, ademais, outro obxectivo moi importante: mellorar a separación en orixe que permita a recuperación dos residuos para a súa valorización a través da biodixestión ou a reciclaxe", dixo Noemí Díaz.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible