2 de decembro de 2024
Convocatoria de xaneiro-maio de 2025
As persoas interesadas pódense preinscribir os días 10, 11 e 12 de decembro
Preinscrición: 10, 11 e 12 de decembro
Realizarase preferentemente en liña. Para realizar a preinscrición cubrirase o formulario que atoparemos aquí: Formulario de preinscrición en actividades . Este formulario estará dispoñible dende as 8.00 h do martes 10 ata as 23.59 h do xoves 12 de decembro.
Pódense consultar as actividades na páxina web de cada centro cívico na seguinte ligazón actividades por centro cívico .
Cada persoa poderá solicitar un máximo de tres actividades por centro cívico e por orde de preferencia.
Aquelas actividades que teñan a mesma denominación, aínda que teñan distintos niveis (iniciación e perfeccionamento, grupo 1 e grupo 2, mañá e tarde etc.) considéranse unha mesma actividade, pero só se poderá formalizar a matrícula nunha delas. En caso de facelo nas dúas, quedarán anuladas ambas.
Terán preferencia as persoas empadroadas no concello da Coruña.
Clubs
Son actividades de carácter gratuíto dirixidas por persoas voluntarias.
* No Centro Cívico do Castrillón, continuarán os grupos coas mesmas persoas que comezaron en setembro do 2024.
Publicación das listaxes de preinscricións nas actividades socioculturais nos centros cívicos: 19 de decembro
As listas das actividades socioculturais poderanse consultar nos centros cívicos, nesta web e chamando ao teléfono gratuíto de información cidadá 010.
As listas dos clubs en cada un dos centros cívicos.
Reclamacións ás listaxes de preinscricións: 20 de decembro
Sorteo público: 23 de decembro
Realizarase en cada centro cívico ás 10.00 h.
Publicación das listaxes de admisións e de espera: 10 de xaneiro
Poderanse consultar nos centros cívicos, nesta web ou chamando ao teléfono gratuíto de información cidadá 010.
Nas actividades socioculturais, anularanse aquelas actividades nas que non haxa un mínimo de solicitudes formalizadas.
Prazo de inscrición e pago de taxas para as persoas admitidas: será preferentemente en liña a través desta ligazón Pago en liña das actividades os días 15, 16 e 17 de xaneiro. De non facelo nestas datas perderase o dereito á praza.
Alternativamente poderase realizar imprimindo a folla de autoliquidación, e pagando presencialmente na entidade bancaria ou no caixeiro da entidade con tarxeta de crédito.
Unha vez pagado na entidade bancaria NON hai que entregar na conserxería O XUSTIFICANTE xa que se descargarán todos os datos de pago (en liña e entidade bancaria), excepto para as persoas que paguen na oficina municipal da Franxa xa que só nese caso si que se debe achegar o xustificante de pago no centro correspondente.
En caso de non cubrírense todas as prazas ao final da convocatoria, anunciaranse mediante un cartel en cada centro cívico as vacantes que queden dispoñibles en actividades/clubs.
A cota das actividades dependerá do número de horas que aplica a Ordenanza número 43, reguladora do prezo público por prestación de servizos e utilización de instalacións culturais, educativas, de lecer e análogas de titularidade municipal, fóra de apoio escolar, cultura xeral e alfabetización que terán carácter gratuíto. Tamén son gratuítos os clubs que están dirixidos por persoas voluntarias.
As persoas solicitantes de actividades gratuítas e clubs deberán formalizar a preinscrición en prazo e CONFIRMARÁN (ben presencial ou por teléfono) no centro cívico, no servizo de conserxería, a súa asistencia á actividade nos días estipulados para o pagamento (15, 16 e 17 xaneiro).
Procedemento de pago
Nas listas de persoas admitidas e de espera figurará un código, o cal haberá que introducir cando sexa requirido ao longo do proceso de pago. Cada código indica a persoa que se está a inscribir na actividade, o centro no que se inscribe e a actividade solicitada. Así, cada actividade que solicite unha persoa terá un código diferente polo que cada actividade terá que se aboar por separado. O mesmo código non vale para todas as actividades.
O pago realizarase preferentemente en liña a través da plataforma de pago en liña habilitada.
O pago tamén se pode facer presencialmente imprimindo a carta de pago e presentándoa no banco ou caixeiro. A continuación hai que levar o xustificante de pago ao centro cívico onde se vai desenvolver a actividade para que conste que se aboou.
O concello conta con dúas entidades bancarias asociadas para poder aboar as actividades: ABANCA e Banco Santander.
Listas de espera.
As persoas admitidas, a partir das listas de espera, deberán facer a inscrición e o aboamento da actividade, seguindo o procedemento de pago, establecido anteriormente.
Soamente levarán o xustificante de pago do 23 ao 27 de xaneiro ao centro aquelas persoas que aboen a actividade na oficina municipal de recadación na rúa da Franxa (que teñan pasaporte ou aquelas que o efectúen aí mellor que na entidade bancaria.
Data de inicio das actividades:
A partir do día 29 de xaneiro.
Data da fin das actividades:
O 31 de maio. E os apoios escolares, a segunda semana de xuño.
No programa das actividades vén indicada a data exacta de finalización de cada unha das actividades..
NOTA: cada actividade ten unha idade determinada para anotarse nela e que aparece no documento de actividades coa clasificación seguinte: infancia, mocidade, interxeracional e maiores. Sempre que non se especifique outro tramo de idades no título da actividade, a idade que correspondería á clasificación será:
Infancia: de 4 a 12 anos
Mocidade: de 13 a 17 anos
Interxeracional: a partir de 18 anos
Maiores: a partir de 65 anos
Novas relacionadas
20 de maio de 2025
20 de maio de 2025
20 de maio de 2025
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible