Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

22 de novembro de 2021

A Coruña reivindicará o 25N cun programa que busca un cambio de mentalidade na mocidade e máis concienciación sobre a violencia de xénero

Baixo o lema ‘Se cres que non existe, fai que non exista. Lidera o cambio’ o Concello comeza unha campaña con actividades para todos os públicos ata o 23 de decembro

O Concello da Coruña presentou esta mañá a súa programación para o 25N, Día Mundial da Eliminación da Violencia contra as Mulleres. A concelleira de Igualdade, Benestar Social e Participación, Yoya Neira, foi a encargada de dar a coñecer as actividades da campaña cuxo lema é 'Se cres que non existe, fai que non exista. Lidera o cambio'. 

Neira lembrou a importancia deste tipo de accións, xa que un 20% da mocidade nega a existencia da violencia de xénero e catalógaa como un invento ideolóxico. "Este estudo confirma a necesidade de continuar coa ruta seguida polo Goberno de Inés Rey en materia de igualdade: centrarnos na poboación máis nova", indicou a concelleira na rolda de prensa. 

"A realidade que amosa este estudo levounos a reformular os nosos programas educativos en materia de igualdade para facelos máis participativos e interesantes para conseguir chegar á mocidade", comentou Yoya Neira. 

A programación do Concello da Coruña para reivindicar este 25N comezou a semana pasada con accións nalgúns centros educativos e continuará ata o 23 de decembro. A temática dos actos será moi variada. Haberá ciclos de charlas de homes e mulleres que fagan cambiar o enfoque sobre certos aspectos relacionados coa violencia de xénero, obradoiros sobre independencia emocional e sororidade, actividades de sensibilización como 'Voces contra a violencia', actividades educativas e deportivas ou a elaboración dun vídeo por parte do alumnado da Escola de Imaxe e Son que explica de maneira sinxela como actuar ante un caso de violencia machista. 

Yoya Neira animou a cidadanía a participar na marcha deste 25N na Coruña. Para complementar este acto, programouse esa noite un concerto nos Xardíns de Méndez Núñez que contará coas artistas Sophie Simonds e La Otra e que comezará ás 21.45 horas, tras a manifestación. A programación prolongarase ata o 23 de decembro cunha mostra bibliográfica nos centros cívicos municipais de Monelos e San Diego.

Ademais dos diferentes actos, o Concello comezará unha acción en redes sociais a través do hashtag '#(emoji do punto morado)' para que a cidadanía interactúe con el e conte como poñer punto e final á violencia de xénero.

Documentos:

Programación completa (1 MB)

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión