22 de marzo de 2024
A concelleira Diana Cabanas incidiu no “impacto positivo desta proposta coa súa rotación por distritos, o que responde ao compromiso da alcaldesa, Inés Rey, de levar este formato aos diversos barrios da cidade”
Ademais dos postos de venda habilitados por comercios de proximidade, ao longo da mañá haberá actividades de dinamización infantil e un concerto de José Brea e Miguelón, aberto á cidadanía
O Concello da Coruña organiza este domingo 24 o mercado ecolóxico municipal da praza de Azcárraga, abrindo esta iniciativa de dinamización comercial ao barrio da Cidade Vella e ampliando así o abano de localizacións planificado polo Goberno de Inés Rey entre os diversos distritos da cidade.
A concelleira de Turismo, Comercio e Hostalaría, Diana Cabanas, destacou "a revitalización e impacto positivo que o mercado ecolóxico municipal está a ter na súa rotación por distritos, unha proposta que responde ao compromiso da alcaldesa de levar este formato aos diversos barrios da cidade". Cabanas apuntou, ademais, á boa recepción da chegada deste formato á praza de Azcárraga, "un enclave espectacular para programar un mercado destas características, que se leva a cabo da man da veciñanza e o tecido comercial da Cidade Vella".
Durante a mañá de domingo, entre as 10.00 e 15.00 horas, haberá preto de vinte postos de venda habilitados por comercios de proximidade, con postos nos que se ofertarán produtos frescos e de produción ecolóxica, así como útiles de artesanía.
A xornada na praza de Azcárraga irá amenizada con actividades de ocio para todos os públicos, con énfase na participación dos máis pequenos. Neste sentido, as nenas e nenos poderán gozar cun espazo de dinamización infantil que estará aberto durante toda a mañá. Tamén entre as 10.00 e 15.00 horas haberá, ademais, tempo para o intercambio de tote bags.
Ademais, de 11.30 a 12.30 horas terá lugar un obradoiro creativo no que a rapazada participante aprenderá a crear ovos de Pascua. Para formar parte nesta actividade será preciso formalizar inscrición previa no mercado, desde as 10.00 horas. A capacidade máxima prevista no obradoiro é de 15 persoas.
Xa ao mediodía, as persoas asistentes ao mercado ecolóxico municipal poderán gozar coa actuación de José Brea e Miguelón, que porán música e ritmo ao último treito da xornada matinal, nun concerto aberto á cidadanía e que terá lugar na propia praza de Azcárraga.
Toda a información pode consultarse nas redes sociais dos mercados ecolóxicos municipais (@mercaecocoruna).
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible