Aglutina libros, xornais e material audiovisual que constitúen unha referencia básica para afrontar con éxito a busca de traballo: como comportarse nunha entrevista, como redactar un currículo ou realizar un videocurrículo, que é o networking, como xestionar unha empresa, como preparar unhas oposicións... e moitas temáticas máis relacionadas co emprego.
A quen se dirixe?
- Persoas interesadas en obter unhas ferramentas chave para a consecución dunhas técnicas que lles permitan optar, con maiores posibilidades, a un posto de traballo.
- Persoas adultas que se estean preparando para un proceso selectivo e necesiten documentos como manuais de preparación de oposicións, test psicotécnicos ou de lexislación xeral básica.
- Traballadores que queiran informarse sobre distintos aspectos da comunicación nunha empresa e formarse nas novas tecnoloxías e o seu uso no traballo: o que denominamos o emprego 2.0.
Obxectivos
- Contribuír á mellora das posibilidades de inserción laboral da cidadanía, mediante accións de orientación e de formación ao longo da vida.
- Axudar á adquisición de competencias básicas no uso das tecnoloxías da información e a comunicación.
- Potenciar a función social da biblioteca, destacando o seu labor educativo e de aprendizaxe permanente.
Que materiais podo atopar
Atendendo ás demandas das usuarias e usuarios contemplamos unha serie de categorías:
- CURRÍCULO E CARTA DE PRESENTACIÓN: Estes recursos resaltan a importancia do currículo nun proceso de selección, ademais de explicar detalladamente os diferentes tipos que existen e de dar unha serie de consideracións para a súa axeitada elaboración. Tamén atoparás documentos sobre as cartas de presentación e os elevator pitch, menos coñecidos e habituais que os currículos, pero moi útiles nos procesos selectivos.
- BUSCA DE TRABALLO: Para acceder a calquera posto de traballo habitualmente debemos pasar por un proceso previo de busca. Nesta sección atoparás documentos que che amosen técnicas para conseguir o teu obxectivo, ademais de ofrecerche estratexias preparatorias para a busca. Tamén hai outras obras que che axudarán a preparar unha entrevista de traballo.
- COMUNICACIÓN: Dentro do mundo laboral e das entrevistas hai un campo fundamental que é a comunicación, verbal e non verbal. Nesta sección poderás atopar recursos para aprender sobre as técnicas mais eficaces para a comunicación, a linguaxe dos xestos, a importancia da mirada, as variacións non lingüísticas da voz...
- EMPREGO 2.0: Marca persoal, redes sociais, portais de emprego, pegada dixital, networking... Se che interesa afondar nalgún destes campos tamén poderás atopar recursos neste centro de interese.
- LEXISLACIÓN E TESTS: Por último tamén podes atopar varios exemplares de lexislación laboral básica, test psicotécnicos e manuais para superalos con éxito e diferentes métodos de estudo que che axudarán na preparación de oposicións e outros exames laborais.
Lembra que se che interesa algún material en concreto podes buscalos no catálogo en liña e, se o que che interesa está noutra biblioteca, podes solicitar que cho enviemos á túa para que o leves en préstamo.